AIEG: Xénese e realidade

Un pouco de historia

Rematados os procesos selectivos para o acceso ao corpo de Inspectores Técnicos de Educación regulados polo artigo 143 da Lei 14/1970 do 4 de agosto, Xeral de Educación e Financiamento da Reforma Educativa (BOE 6/8/70), no ano 1981 e despois da publicación do Real Decreto 1763/1981, do 24 de xullo, de traspaso das funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia (BOE 31/7/82), no último trimestre do ano 1982, realízase en Galicia unha convocatoria para cubrir oito prazas como inspectores extraordinarios, fórmula contemplada no artigo 143.2 da citada Lei: “Excepcionalmente el Ministerio de Educación y Ciencia podrá nombrar inspectores extraordinarios a profesores de relevantes méritos docentes.”. Este acceso ten efectividade en febreiro de 1983.

Coa publicación da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a Reforma da Función Pública (BOE 3/8/84), os Corpos de Inspectores de Educación Básica, Inspectores de Bacharelato e Inspectores Técnicos de Formación Profesional -existentes neses tempos- quedan integrados no CISAE (Corpo de Inspectores ao Servizo da Administración Educativa), suprimido -a extinguir- por esta lei, quedando amortizadas as vacantes que se produzan no sucesivo. A partir deste momento, aparece a fórmula de “función inspectora” que, de acordo co establecido na disposición decimoquinta, punto 7, da Lei de medidas para a Reforma da Función Pública, será realizada por funcionarios con titulación superior pertencentes aos Corpos e Escalas nas que se ordena a Función Pública Docente. Esta disposición modificarase posteriormente a través da Lei 23/1988, do 28 de xullo de Modificación da Lei de Medidas para a Reforma da Función Pública (BOE 29/7/1988).

Desde 1984 e ata a publicación da Lei 9/1995, do 20 de novembro, da Participación, a Avaliación e o Goberno dos Centros Docentes (BOE 21/11/95), norma pola se que crea o Corpo de Inspectores de Educación (CIE), incorporámonos á función inspectora na Comunidade Autónoma de Galicia, ademais dos seleccionados na convocatoria de 1982, arredor de 38 funcionarios e funcionarias pertencentes aos Corpos e Escalas nas que se ordena a Función Pública Docente, o que supón unha porcentaxe próxima ao 60% de todos os efectivos da inspección educativa en Galicia. Todo isto, mediante catro convocatorias: 1987, 1988, 1989 e 1995.

Nace a AIEG

Nos primeiros anos da década dos noventa, un grupo de inspectores e inspectoras, prioritariamente de docentes en función inspectora, iniciamos un proceso de reflexión a nivel provincial, coa idea de introducir melloras na nosa práctica diaria, crear procedementos de formación continua e establecer canles de comunicación con todos os estamentos da Administración educativa. No territorio xestionado polo Ministerio de Educación y Ciencia, xa estaba funcionando, desde o ano 1990, a Asociación de Inspectores de Educación (ADIDE). Estes movementos asociativos tamén eran unha realidade nas comunidades autónomas con transferencias en materia de educación (Cataluña, País Vasco, Navarra, Andalucía, Canarias...).

Na primavera do ano 1995, ese colectivo de compañeiros e compañeiras das catro provincias galegas, celebramos varias reunións en Santiago de Compostela. Despois de reflexionar, analizar e debater sobre a nosa función na Comunidade Autónoma e valorar o que viña acontecendo no resto do Estado, decidimos constituír una asociación. Neste proceso, contamos co inestimable asesoramento de D. Santiago Esteban Frades, inspector en Valladolid e terceiro presidente de ADIDE, acompañado por D. Ismael Valdés Barrios, inspector en Madrid e, naqueles momentos, secretario desa asociación de carácter nacional que se desprazan a Galicia para informarnos sobre a súa experiencia.

Dentro dese mesmo ano, e nunha posterior reunión, que ten lugar no CEIP “Raíña Fabiola” de Santiago de Compostela, celebramos a Asemblea constituínte na que participamos inspectores en representación das catro provincias. Elíxese a D. Alberto González Armesto, como primeiro presidente e como vogais –xunta rectora- : D. Pedro Gómez Álvarez en representación da provincia de Lugo; D. Camilo Isaac Ocampo Gómez en representación da provincia de Ourense; D. Francisco López Freire en representación da provincia de Pontevedra e, por último, José Antonio Gay García, representando á provincia da Coruña. Este, actúa de secretario.

Deste xeito nace a Asociación de Inspectores de Educación de Galicia (AIEG) cuxa principal característica e a súa independencia ideolóxica, sen menoscabo das críticas que poidan facerse en relación coa inspección de educación e coa educación en xeral.

AIEG. Primeiros pasos

Este primeiro mandato, como é de supoñer, foi un período de traballo moi intenso durante o que se realizan todos os trámites necesarios para axustar a AIEG ao ordenamento xurídico que regulaba o funcionamento das asociacións nese momento. Tamén comezamos os primeiros contactos cos representantes da Administración educativa para darnos a coñecer e explicar as nosas propostas. Froito deste diálogo cos dirixentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sendo conselleiro D. Juan Piñeiro Permuy, foi a xestión de axudas para que os asociados que o desexaran, puideran asistir ao III Congreso de ADIDE celebrado na Manga do Mar Menor (1995).

Por outra parte, intensifícanse as relacións con ADIDE. Por aquel tempo, xurde o debate sobre o futuro modelo da Asociación de Inspectores de Educación despois de que se realizasen as transferencias a todas as CCAA e se constituísen asociacións en todas elas. AIEG defende a independencia das asociacións a nivel autonómico e, posteriormente, que se constitúa unha federación, opción que, no futuro, sería asumida en todos os casos.

Pero, sen lugar a dúbidas, o momento máis destacado no mandato de D. Alberto foi o proceso de integración dos inspectores pertencentes aos Corpos e Escalas nas que se ordena a Función Pública Docente no novo Corpo de Inspectores de Educación, de acordo co establecido na disposición adicional primeira da Lei 9/1995. Este acontecemento celébrase no mes de marzo de 1996. Todos os docentes que viñamos desempeñando a función inspectora, quedamos integrados no CIE.

No mes de agosto dese ano, D. Alberto González Armesto incorporase a Subdirección Xeral de Inspección como inspector coordinador, posto que el considera incompatible co de presidente de AIEG. A Asemblea xeral entende que a decisión tomada polo presidente é a axeitada e, nese mesmo acto, elixe a José Antonio Gay García.

O mandato do novo presidente abrangue desde setembro de 1996 ata outubro de 1998.

Durante este bienio, a Xunta Rectora considera prioritario, ademais de dar cumprimento ao preceptuado nos estatutos, facer visible a asociación a todo o colectivo de inspectores de Galicia. Por iso, e a pesar da difícil situación económica, organizamos as Primeiras Xornadas da AIEG no Pazo de Mariñán (A Coruña) en decembro de 1996, actividade formativa na que participa a gran maioría dos inspectores e inspectoras das catro provincias. Debemos destacar que, para que este evento puidera celebrarse, ademais da inestimable colaboración da Administración educativa, foi decisiva a da Excma. Deputación da Coruña representada polo seu presidente D. Augusto César Lendoiro.

Tamén comezamos a asistir ás reunións de ADIDE en Madrid, feito que, por unha banda, nos proporciona a posibilidade de debater as cuestións profesionais da inspección educativa que nos afectan como colectivo galego e, por outra, estas xuntanzas foron un punto de encontro no que recibimos información sobre a realidade no resto Estado.

Asinamos un convenio con Caixa Galicia para conseguir créditos particulares para os afiliados que o desexaran cuns xuros especiais.

Xestiónanse as axudas concedidas pola Administración educativa para asistir ao IV Congreso de ADIDE, organizado pola Asociación de Inspectores de Educación de Cataluña (AIEC) que, en 1997, se celebra en Barcelona.

Decídese facer chegar, con cargo a AIEG, a todos os asociados o periódico “Escuela Española”.

Lembramos que, nestes dous anos, participamos en varias reunións cos representantes da Administración educativa, todos eles inspectores de educación e membros da AEIG. Hai que dicir que a súa colaboración, en todo momento, foi excelente, facendo suxestións, facilitando axudas económicas e dedicando moito tempo a escoitar as nosas reivindicacións. Pero tamén é xusto comentar que non se soubo ou non se puido chegar a puntos de encontro en asuntos relacionados co tema da revisión salarial.

AIEG. Unha realidade

A partir de 1998, ano no que celebramos en Lugo as II Xornadas de Inspectores de Educación de Galicia, pódese afirmar que a AIEG atópase nunha situación económica saneada; non obstante, para sufragar estes encontros, continúa sendo necesaria a colaboración da Administración educativa, a través do seu conselleiro, D. Celso Currás Fernández, e mais a da Excma. Deputación de Lugo, representada polo seu presidente D. Francisco Cacharro Pardo. A nivel xeral, nestes primeiros tempos, tamén queremos destacar as axudas que a asociación recibiu desde a Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, representada por D. Homero José María Pérez Quintana.

A comezo do ano 1999, a Asemblea xeral elixe presidente a D. Francisco López Freire, inspector con destino en Pontevedra (1999 - 2001).

A xestión deste novo equipo, comeza co deseño da insignia representativa da Asociación de Inspectores de Educación de Galicia. Elabórase en prata e ouro; a primeira para todos os asociados que o desexen, e a segunda, sería entregada a aquelas persoas que a Asemblea Xeral considere que deben posuíla polo traballo realizado en favor da asociación.

Neste período, asínase un convenio co ICE da Universidade de Santiago de Compostela para potenciar a celebración de actividades formativas.

Esta directiva xestiona diante da Administración educativa as axudas para asistir ao V Congreso Nacional de Inspectores de Educación que se celebra en Sevilla os días 21 e 22 de febreiro, co lema: "Nuevos retos profesionales de la Inspección de Educación” e o celebrado en Palma de Mallorca (VI), os días 6, 7 e 8 de novembro de 2001, baixo o título: “La inspección educativa en un contexto de cambio”.

No ano 2000 celébranse en Ourense as III Xornadas de AIEG. Como nas anteriores, a Administración educativa, a través do seu conselleiro, D. Celso Currás Fernández, e a Excma. Deputación de Ourense, representada polo seu presidente D. José Luis Baltar Pumar, tiveron unha intervención destacada.

Este mandato coincide coa posta en funcionamento de ADIDE FEDERACIÓN, situación que obrigou a adaptar os estatutos da AIEG a este novo sistema organizativo.

En 2002, a AIEG elixe novo presidente a D. Jesús Jorge Campos, inspector en Pontevedra. Esta Xunta Rectora xestiona a asociación durante dous mandatos (2002 - 2006).

Os inspectores membros da AIEG reciben axudas para asistir ao congreso nacional celebrado no ano 2003 en Oviedo (VII), baixo lema: “La Inspección de Educación: modelos autonómicos y europeos”

Con esta presidencia asínase un convenio coa Dirección Xeral de Política Lingüística para a celebración de dúas xornadas de formación. A primeira, ten lugar en Mondariz e a segunda en Padrón.

En xuño de 2003 péchase o primeiro ciclo de celebración das xornadas de formación organizadas pola AIEG nas catro provincias. A Toxa é o marco elixido. Continúa a colaboración da Administración educativa e tamén a da Excma. Deputación de Pontevedra con D. Manuel Abeledo López como Presidente. Destacamos a participación, como relator, do sociólogo D. Luis González Seara, catedrático de socioloxía da Universidade Complutense de Madrid e Secretario de Estado do Ministerio de Universidades e Investigación entre 1977 e 1979 e posteriormente, Ministro entre 1979 e 1981.

Un tema que sempre estivo entre as preocupacións de todos os presidentes anteriores e que D. Jesús Jorge Campos puxo en práctica foi o de iniciar contactos co resto das asociacións de inspectores; primeiro, aproximando puntos de vista e despois, negociando conxuntamente coa Administración educativa.

Desde o seu nacemento, o reto máis importante ao que se enfrontou a AIEG foi a organización do VIII Congreso Nacional de ADIDE, que baixo o título “Inspección de Educación y Tecnologías de la Información y la Comunicación” celebrouse en Santiago de Compostela (Pazo de Exposicións e Congresos) os días 4, 5 e 6 de maio de 2005. Este acontecemento supuxo, ao meu modo de ver, a consolidación da nosa organización. Inaugurado por D. Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia, contou coa presenza destacada, entre outros conferenciantes, de D. Federico Mayor Zaragoza, de D. Pere Marqués Grael e de D. Juan Carlos Tedesco. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e máis o Concello de Santiago de Compostela puxeron a disposición da AIEG todos os medios materiais e económicos para que o evento estivera a altura que a cidade e a educación en Galicia se merecían.

Despois de once anos de existencia nos que todos os asociados intentamos aportar o mellor de nós mesmos, é o momento de afirmar que o futuro da AIEG está asegurado. Non obstante; os presidentes que continuaron este labor de fortalecemento, desenvolveron unha actividade moi intensa na procura da mellora do funcionamento da inspección educativa e, como consecuencia, da mellora de educación en Galicia. Refírome a D. Federico Pérez Morán, a D. Roberto Cid Galante, a Dona Magdalena Duarte Blanco, a D. Carlos Alberto Antuña Souto, a D. Juan Granados Loureda e a D. Miguel Callón Fernández.

Exemplo

Este primeiro mandato, como é de supoñer, foi un período de traballo moi intenso durante o que se realizan todos os trámites necesarios para axustar a AIEG ao ordenamento xurídico que regulaba o funcionamento das asociacións nese momento. Tamén comezamos os primeiros contactos cos representantes da Administración educativa para darnos a coñecer e explicar as nosas propostas. Froito deste diálogo cos dirixentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sendo conselleiro D. Juan Piñeiro Permuy, foi a xestión de axudas para que os asociados que o desexaran, puideran asistir ao IIIPor outra parte, intensifícanse as relacións con ADIDE. Por aquel tempo, xurde o debate sobre o futuro modelo da Asociación de Inspectores de Educación despois de que se realizasen as transferencias a todas as CCAA e se constituísen asociacións en todas elas. AIEG defende a independencia das asociacións a nivel autonómico e, posteriormente, que se constitúa unha federación, opción que, no futuro, sería asumida en todos os casos.

Ata aquí os feitos que, despois de vinte e cinco anos, seguen presentes nos recordos. Espero que saiban escusarme aqueles compañeiros que teñan aportado a súa dedicación e o seu esforzo á mellora da AIEG e non apareza o seu nome neste pequeno resumo. Os arquivos memorísticos vanse deteriorando inconscientemente...

Para rematar, darlle as grazas a  José Carlos, actual presidente de AIEG, por considerar que desde a miña situación, podía ser útil dalgún xeito á asociación e desexarlle que a súa dedicación serva para continuar na liña ascendente de mellora da inspección de educación en Galicia.

Área privada
Galego